Novas actividades e talleres gratuítos para pacientes de cancro na Coruña, Santiago e Ferrol

A Coruña - 03/10/2022

A Asociación Española Contra o Cancro presenta o seu programa de actividades gratuítas EnRede 2022-2023, na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

Máis de 400 prazas ofertadas, para máis de 15 actividades e talleres en prevención, apoio, formación, lecer e tempo libre, dirixidas a pacientes oncolóxicos, familiares, persoas que atravesen un dolo e poboación xeral. “Desde a Asociación, realizamos unha selección das actividades máis adecuadas para pacientes e familiares, innovando en actividades e mantendo as que máis éxito teñen. A evidencia científica cada vez pon máis de manifesto, que ter un estilo de vida activo prevén o cancro, especialmente algúns tipos, así como as súas posibles recaídas, por iso gran parte das actividades están enfocadas ao exercicio físico e algunhas delas abertas á poboación xeral, como os Roteiros Saudables” afirma Inés López, fisioterapeuta da Asociación Española Contra o Cancro. EnRede funciona, ademais, como un espazo de encontro, intercambio de experiencias e vivencias para afrontar mellor a enfermidade, do que 600 persoas resultaron beneficiadas desde a súa creación en 2017 .

A oferta inclúe, este ano na Coruña, as actividades de relaxación baseada en técnicas de ioga, marcha nórdica, tiro con arco, pilates, ximnasia, natación, actividade acuática sincronizada, fisioterapia de solo pelviano, exercicio terapéutico oncolóxico, roteiros saudables, paseos culturais, introdución á fotografía, frontenis e talleres para deixar de fumar.

En Ferrol, poderase asistir ás actividades de relaxación baseada en técnicas de ioga, marcha nórdica, pilates, ximnasia, natación, horto urbano, roteiros saudables e talleres para deixar de fumar.

En Santiago de Compostela ofrécese relaxación baseada en técnicas de ioga, marcha nórdica, ximnasia, horto urbano, fisioterapia de solo pelviano, roteiros saudables, talleres para deixar de fumar e club de lectura- esta última actividade tamén dispoñible de en liña..

As solicitudes de inscrición xa están abertas e serán valoradas de forma individual polos profesionais da Asociación.

Para máis información, pode contactarse coas sedes da Asociación Española Contra o Cancro de Santiago de Compostela
(981 57 64 79 ou  santiago.compostela@contraelcancer.es), de Ferrol (981 37 00 03 ou ferrol@contraelcancer.es) e da Coruña (981 14 27 40 ou acoruna@contraelcancer.es).

Te puede interesar:
Infocancer 24 horas telefono 900100036
Atención gratuita 24h - 7 días